ICGS in the Media

A soidade (e a paixón) do tradutor de fondo - GaliciaHoxe.com

27 Feb 2010

View source

Article about the Irish Centre for Galician Studies and Isaac Xubín, by Miguel Alonso Giráldez, in Galicia Hoxe, 27th February 2010.

J. MIGUEL GIRÁLDEZ  | 27.02.2010 

Vendo a Isaac Xubin aquí, no Centro de Estudos Galegos do University College Cork un comprende moito mellor a soidade do tradutor de fondo. O despacho, rigorosamente ordenado, con todos os autores galegos nos seus andeis correspondentes, reflicte a importancia da nosa literatura e a nosa lingua nos estudos que poden facerse nesta cidade. E neste país. Como outros Centros de Estudos Galegos, espallados polo mundo, aquí trabállase poderosamente a prol do idioma, e nunca faltaron seguidores. Martín Veiga, no despacho inmediato, leva agora o peso dos estudos galegos en Cork, pero o ímpeto docente e investigador que durante anos empregou Mackenzie segue vivo entre estes muros. Sen dúbida, hai enerxía suficiente para que a lingua galega siga sendo unha parte importante do Departamento de Estudos Hispánicos. E iso mesmo ocorre en varios lugares, algúns non moi afastados de aquí. Bastaría con preguntarlles a Craig Patterson, profesor en Cardiff, ou a John Rutherford, que estivo tantos anos á fronte do Centro de Estudos Galegos de Oxford. Moito é o que se fixo e moito o que queda por facer. Na distancia, Roy Boland, co que traballo agora na edición final dun número especial sobre literatura galega, que será editado en Australia, representa a mirada afastada: a persistencia do galego tamén alá, na terra austral e incógnita.

Pero Isaac Xubin é o home tranquilo. Aquí, mentres flúen as pintas de Beamish no Welcome Inn, o lugar no que Carlos Seco se constrúe como cidadán de Cork, o lugar na esquina de Oliver Plunkett, onde poñen sempre deportes gaélicos na televisión (como en toda Irlanda), pero tamén soccer, o poeta coruñés me fala do seu último traballo de tradución. Xubin, que viviu varios anos en Bilbao, domina o éuscaro, unha lingua na que cre con entusiasmo. Co entusiasmo filolóxico que sempre hai que ter polas linguas. "Tampouco é tan difícil. Ten a súa dificultade, de acordo" recoñece, "pero non é para tanto. O que ocorre é que á hora de traducir, a estrutura do éuscaro provoca dificultades, sobre todo se estás a traducir, como é o meu caso a unha lingua románica". A pesar de todo, aí está o seu extraordinario traballo: recentemente terminada a tradución ao galego de Bilbao-New York-Bilbao, a novela de Kirmen Uribe que foi Premio Nacional de Literatura, Isaac Xubin respira aliviado. A cousa mereceu a pena. Desde outubro, con intensidade, o poeta cumpriu o encargo de Xerais, o selo que lanzará a tradución da novela a partir da próxima semana. É a primeira vez que Isaac Xubín leva a cabo unha tradución tan longa. "Fixen outras cousas: poemas pequenos, vertidos ao éuscaro, por exemplo. Poemas de Ferrín, ou de Cunqueiro. Pero nunca nada como a novela de Kirmen Uribe". A tradución de Bilbao-New York-Bilbao, directamente desde o éuscaro, supón un novo avance no xa exitoso terreo das traducións ao galego. Nos últimos anos, algunhas editoriais preocupáronse especialmente deste tema. E hoxe hai autores que ven traducida a súa obra antes ao galego que ao castelán (como Otero Pedrayo con Joyce, ese grande antecedente). Isaac le o comezo da obra, como un irlandés joyceano: "OS PEIXES e as árbores parécense. Parécense nos aneis. As árbores téñenos no tronco. De facermos un corte horizontal a unha árbore veriamos no tronco os seus aneis. Un anel por cada ano, é así como se sabe cal é a idade da árbore. Os peixes tamén teñen aneis, pero nas escamas. E como acontece coas árbores, grazas a estes aneis sabemos cal é a idade do animal.Os peixes sempre están a medrar. Nós non, nós minguamos dende a chegada da madureza". O tradutor parece feliz. E a cousa non termina aí. A mediados de mes Isaac Xubín publica o primeiro dicionario Galego-Éuscaro Euskara-Galiziera de toda a historia. Son unhas 5.000 entradas. "É sinxelo" di, "pero está ben para empezar. E ten dúas introducións, unha de Anxo Angueira e outra de Harkaitz Cano, un escritor vasco: este é un dicionario feito e introducido por poetas!", conclúe satisfeito.

View source

Irish Centre for Galician Studies

O'Rahilly Building First Floor - Block B East Room 1.55

Top