ICGS in the Media

Máis novas desde Irlanda - Galicia Hoxe

21 Jan 2010

View source

Article by Miguel Alonso Giráldez about the conference "The Time has Come: The Future of Interdisciplinary Studies in Galiza and Eire".

MIGUEL GIRÁLDEZ

Máis novas desde Irlanda

 

As relacións entre Galicia e Irlanda veñen de lonxe, e falamos aquí delas en moitas ocasións. Pero que a Universidade de Cork (UCC), a pesar de contar cun magnífico Centro de Estudos Galegos, organice un congreso sobre os dous territorios non é algo tan habitual. Estou en Irlanda de novo para asistir a esta reunión fascinante na que se está falando, como estaba previsto, destes dous mundos atlánticos. Por suposto, a organización ten a súa orixe no Instituto de Estudos Irlandeses Amergin. A idea primixenia tivo éxito e Carlos Seco, asistente lingüístico en Irlanda, xunto a Ciarán Dawson, un dos profesores da UCC que mellor coñecen Galicia, decidiron pór en marcha o evento.

A presenza de Galicia no exterior é importante, e non só no eido empresarial. É necesario potenciar a súa imaxe, a súa capacidade turística e as peculiaridades da súa lingua e a súa cultura. Non é difícil facelo, desde logo, nun país como Irlanda, sempre proclive á amizade profunda e ao amor pola cultura. Este simposio internacional, que leva por nome Os tempos son chegados (The Time has come) ofrécelles aos irlandeses unha mirada profunda sobre Galicia, e unha celebración dos elementos que ambos os pobos teñen en común. O labor investigador que o Instituto Amergin realiza desde a Universidade da Coruña é ben coñecido, pero que esa investigación académica sirva para proxectar Galicia no exterior paréceme moi importante.

Así que aquí estamos. Nunha Irlanda onde o inverno se volveu inusualmente frío, onde, como no resto de Europa, nevou máis que nos últimos vinte anos. Onte falouse en Irlanda do turismo en Galicia e a súa proxección na prensa. Fíxoo David Santomil Mosquera, do Idega, tentando achegar unha análise que vai máis aló do campo literario ou lingüístico. Non foi o único en facelo. Con perspectiva histórica, Rubén Jarazo e Elena Domínguez contaron como era o Cunqueiro xornalista, unha das actividades máis prolíficas do grande escritor galego. E Bill Richardson, do Departamento de estudos hispánicos da Universidade de Galway buscou e atopou os lazos que unen Dublin e Santiago de Compostela con Borges, coma se non fose suficiente co paseo joyceano que Vicente Risco nos deu no seu día pola cidade do apóstolo. Santiago, en efecto, Borgiana e Joyceana cidade, por tantas e tan marabillosas cousas.

 

A música, unha ponte aberta entre as dúas culturas

Se hai un elemento que une moito Galicia e Irlanda, ese é a música. Foi Antonio de Toro, director de Amergin, o que onte falou aquí da tradición musical, utilizando o exemplo do poeta Seamus Heaney, Premio Nobel de literatura, e a súa colaboración co gaiteiro Liam O"Flynn, amigo do poeta, e ao que acompañou no ano 2000 con motivo do doutoramento honoris causa recibido por Heaney na Universidade da Coruña. Os vínculos do gran poeta irlandés con Galicia son máis grandes do que se supón: mesmo ten algún poema dedicado ao Hostal dos Reis Católicos, publicado no seu día en Irish Pages.

A presenza de Galicia en Cork estenderase hoxe durante todo o día. Eu mesmo estou aquí para falar das novas xeracións de poetas galegos, que ben poden compararse coa gran cantidade de poetas irlandeses do momento. Fundamentalmente mulleres. Tiven a sorte de poder falar do impacto que no seu día tivo a xeración Nós e o seu coñecidísimo interese por Irlanda, e de-sexei que ese interese volvese medrar agora. A maioría dos nomes de poetas contemporáneos de Galicia soaba onte nas aulas do University College Cork (na imaxe). E un deles, que é profesor da institución, estaba alí: Martín Veiga. Mentres, Joyce xurdía da man de Margarita Estévez Saá, David Clark falaba da novela negra en Galicia e en Irlanda, Lorenzo Modia analizaba a poesía de McGuckian, outra gran coñecedora de Galicia, Pablo Cancelo ofrecía unha análise da educación a distancia. E non faltaron outros investigadores, como Anne MacCarthy, que naceu en Cork pero é profesora da Universidade de Santiago de Compostela, ou María Jesús Cabarcos, de UDC. Hoxe, José Manuel Estévez-Saá ofrecerá unha charla na que se analizará a influencia histórica de Irlanda en Galicia. Que non é pouca.

 

View source

Irish Centre for Galician Studies

O'Rahilly Building First Floor - Block B East Room 1.55

Top