ICGS in the Media

David Mackenzie - Galicia Hoxe

1 Jul 2008

View source

Article about David mackenzie, by Anxo Tarrío.

POR ANXO TARRÍO VARELA   | 02.07.2008 

A semana pasada tivo lugar en Cork un Congreso Internacional Sobre o tempo e as palabras: a cultura galega contemporánea a exame. As sesións celebráronse nunha aula do Departamento de Estudos Hispánicos de University College Cork onde está situado o Centro Irlandés de Estudos Galegos (para máis claridade citarei en gaélico: Ionad Staidéar Gailiseach na hÉireann) cuxo décimo aniversario foi precisamente o pretexto para convocar o encontro, co que ademais se trataba de homenaxear o seu fundador e director, o profesor David Mackenzie, próximo a se xubilar no vindeiro mes de setembro e ben coñecido nos medios cultos galegos por ser asiduo visitante de Galicia e penetrante estudoso do patrimonio textual galego da Idade Media.

Son moitos máis anos que dez os que ten dedicado o profesor Mackenzie a formar na nosa lingua estudantes británicos e irlandeses, pois dende que se doutorou cunha edición da Crónica de Santa María de Iria na Universidade de Nottingham nunca deixou de atraer alumnos de estudos hispánicos das universidades polas que pasou (Coleraine, no Úlster, Birmingham, en Inglaterra, e Cork) cara ao noso idioma, ao que lle ten tanta lei que ben podemos dicir que o escolleu como lingua de adopción preferida.

Debido ao seu labor, son xa moitos os universitarios daquelas latitudes que hoxe falan con toda soltura a lingua propia de Galicia e que estudan a nosa literatura e a nosa cultura, en xeral, con grande afán e dedicación, e é ben de crer que con tanta ou máis paixón que a que poñemos os nativos especializados nestas materias.

Ben se puido comprobar o que digo nas interesantes sesións do Congreso, onde, agás o estraño caso dunha moza de nación, lingua e apelido inconfundibelmente galegos, que quixo ler a súa ponencia en inglés, todas as demais, algunhas de nomes e apelidos ben menos enxebres, como Craig Patterson, Burghard Baltrush ou Aoileann Lyons, se presentaron en galego, mesmo en moi bo galego.

Algúns universitarios que andabamos polos finais dos sesenta estudando as nosas carreiras tiveramos ocasión de coñecer a David Mackenzie cando tamén el era aínda un estudante que aprendía castelán. Recordo perfectamente un día de 1968 en que Salvador García-Bodaño e Xulio Maside mo presentaron no bar O Submarinode Santiago como "un rapaz de Mosteiro". O seu castelán trufado de acento galego fixo que eu caese na trapela nun primeiro momento. E aí iniciamos unha amizade que perdurou até o día de hoxe. Son corenta anos, ao longo dos cales, entre outras moitas cousas, prendeu en David Mackenzie un profundo afecto por Galicia, a súa segunda terra, e pola nosa lingua, a súa segunda patria. Algo que lle foi recoñecido ao lle conceder a Fundación do Pedrón de Ouro o Pergameo de Honra, unha distinción ben merecida para quen fixo e segue a facer tanto polo noso idioma. Felicidades profesor Mackenzie. Moitas garzas reais para o amigo de Galicia.

View source

Irish Centre for Galician Studies

O'Rahilly Building First Floor - Block B East Room 1.55

Top